Xosé Oliveira
BiografíaTitulado en Grao medio na especialidade de Gaita Galega. Dende moi cativo estivo sempre vencellado á música tradicional galega, da man dos seus avós Os Morenos de Lavadores. En 1981 cofunda o grupo de gaitas Os Fungueiros de Sárdoma co que ten a súas primeiras actuacións. No ano 1984 entra no grupo Lembranzas Galegas, recibindo varios premios en diversos concursos e tocando en Festivais tan prestixiosos coma os de Ortigueira ou Lorient. En 1989 cofunda Noitarega, con quen actúa tanto por toda a xeografía española como en diversos países como Francia, Italia, Portugal ou os Estados Unidos, e con quen grava 3 discos. Colabora como músico de estudio con diversos artistas. Dende 2003 dirixe Moxenas Musical Galego, unha agrupación orquestral de 40 músicos do sur de Galiza.
Telmo Costas
BiografíaCon nove anos comezou no mundo da gaita nunha aula extraescolar do colexio público vigués de Matamá onde estudaba. Tras esta primeira etapa de contacto coa gaita continuou a súa aprendizaxe na Sociedade Cultural de Matamá e formou parte do grupo folclórico desta asociación ata que en 1994 pasou á dirección da parte musical do mesmo. Durante este periodo fundou, xunto con Luís “O Caruncho”, Berto Costas e Miguel Souto o grupo tradicional Millaradas. Formou tamén parte do grupo de canto tradicional Beltaine co que gravaría varias pezas nun disco compartido cos grupos O Fiadeiro e Rumbadeira. En 1998 pasou a formar parte de Noitarega co que xa colaborara anos antes nunha serie de concertos polos Estados Unidos. Forma parte da organización do festival Matamáfolc.
Fernando Costas
BiografíaComezou a súa formación musical no mundo da gaita aos 12 anos, da man do coñecido gaiteiro e compositor Nazario González “Moxenas”, co que continuaría até o ano 1986. Aos 13 anos empeza a cursar Linguaxe Musical no Conservatorio Superior de Música de Vigo. A partir do ano 1990 imparte aulas de gaita e percusións galegas en diversas institucións da cidade de Vigo. Durante 4 anos formou parte da Agrupación Folclórica Lembranzas Galegas, participando en festivais por toda a xeografía española e portuguesa. Colabora na gravación de varios discos, entre os que destaca “Henrique Otero, O Gaiteiro do Fragoso” e ten participado como xurado en diversos concursos folclóricos. Dende 1989 até a actualidade forma parte de Noitarega.
Manuel Alonso
BiografíaComezou a tocar dende cativo formando parte do grupo tradicional Os Xeitosos de Sárdoma. A principios dos oitenta comezou a traballar con Juanjo Fernández, co que gravou un disco no ano 2008. Máis tarde formou parte de Tronada, un cuarteto tradicional de mediados dos oitenta. Ten feito varias colaboracións na gravación de discos con diversos grupos e solistas, como o de “Henrique Otero, O Gaiteiro do Fragoso”.
Xosé María Gutiérrez
BiografíaDende 1979 ata 1987 formou parte de Lembranzas Galegas, tanto no baile como tocando o bombo e percusións pequenas. Ten feito moitas colaboracións, como coa Banda de Gaitas Raigame, varios concertos con Nazario González “Moxenas” ou Henrique Otero, colaborando con este último na gravación do seu disco “O Gaiteiro do Fragoso”. En 1989 cofunda Noitarega, grupo co que se mantén até a actualidade.
Miguel Souto Ocampo
BiografíaEmpezou a súa andaina no ámbito da gaita da man do mestre de percusión Francisco Estévez “Chuco” no ano 1989, ano no que fundou o cuarteto de gaitas tradicional “Millaradas” xunto con Luis Correa ‘O Caruncho’, Telmo Costas e Berto Costas. Co baile empezou no grupo “DeTroula” no 1993 para logo formar parte do grupo “O Fiadeiro”, chegando a dirixilo entre os anos 2009 e 2018, e formando parte de varios equipos de recollida, coñecendo e aprendendo dos nosos maiores.
Ó longo destes anos ten formado parte e colaborado con grupos como: Os Carunchos, Violia, Eiravella, Pelepau e mesmo Noitarega. Tamén ten dirixido outros grupos de baile como “Os muíños de Oliveira”, “A Buxaina” e “Malveiras” e participou en proxectos de baile como “Trebón” ou “GS21”, ademáis de ter colaborado con artistas como Ricardo Portela, Mercedes Peón, Carlos Núñez ou Budiño.
Participou en diferentes concursos acadando importantes premios, e segue a impartir talleres de baile e percusión tanto a nivel nacional como internacional.